22/12/12

Felices festas


...e felíz aninovo xardineiros/as
 
pero ollo co lado escuro dos recortes!!!
Advertencia sanitaria: Se picas na enlace podes entrar en coma diabético. Só apto para oitenteros fanáticos do Nadal.

21/12/12

F(L)ORGES(TERIA)

Tagetes
Melaleuca
Melametes???
O traballo cara ao público ten estas cousas

Aterciopelados - Florecita rockera


20/12/12

Máis vocabulario básico: parterres, borduras...


O seguintes termos forman parte do vocabulario técnico básico de calquera xardineiro:

Parterre: Parterre
A verba "parterre" ven do francés, co significado de "na terra". Un parterre é un deseño de xardín formal, a nivel do chan (de pouca altura) composto por planta de flor, aromáticas ou hortícolas, delimitadas por borduras de plantas perennes (sebe baixa), e camiños ou sendeiros de grava, xeralmente simétricos.

Bordura: Edge or bordure
Plantación moi estreita e alongada. As borduras empréganse para delimitar parterres, camiños e/ou escaleiras.

Arriate: Border
Un arriate é unha plantación alongada (máis ancha que unha bordura) disposta diante dun muro, valado, casa, bosquete, etc. Esta plantación ten un telón de fondo, e polo tanto resulta "visible" nun determinado sentido. Transversalmente as especies dispóñense de xeito escalonado; as especies de menor tamaño diante e as de maior ao fondo.

Macizo: Island bed, flowerbed or garden bed
Un macizo é unha plantación redondeada, unha illa no xardín. Este caracter insular significa que ten varios puntos de vista, podemos rodealo; polo tanto ten que ser atractivo dende todos os ángulos. Admiten tanto planta de flor como arbustos.

Rocalla: Rockery
Unha rocalla é unha composición rústica de rochas e plantas alpinas, arbustos baixos e coníferas ananas. O ideal é aproveitar un ribazo ou pendente ben drenada e soleada, aínda que tamén pódese facer un montículo artificial (recurso empregado abusivamente).

Sebe: Hedge
Unha sebe é unha plantación lineal de arbustos ou árbores coa finalidade de formar unha linde ou barreira. Moi empregados nos lindes do xardín para separar e ocultarse dos veciños.

19/12/12

Mixed Border

Un mixed border  é unha plantación alongada que mestura arbustos, roseiras, vivaces e anuais, o que eiquí coñecemos coma un arriate mixto (ou mal chamada bordura mixta). En xeral plántase diante dun muro, valado ou sebe que lle fai de fondo. A mixed border é a forma actual de deseñar os arriates (polo menos no mundo saxón), posto que require menos mantemento que a tradicional arriate de vivaces (perennial border), que emprega só plantas vivaces; presenta un gran colorido no vrao pero carece de interese o resto do ano (que é moito).
Esta técnica xurdiu co movemento Arts and Crafts que frente á rixidez e artificiosidade dos abigarrados arriates florais victorianos avogaba por unha plantación mais sinxela e natural. Desenvolto posteriormente por Gertrude Jeckyll e Vita Sackville West, e ao longo do século XX.

Resumindo é un arriate no que se mesturan distintas especies de plantas de flor formando unha composición compacta, na que é moi importante a combinación de cores e texturas, e na que sitúanse as plantas por orde de tamaño, da máis baixa a máis alta para favorecer a visibilidade do conxunto. Suponse que é algo que ten que ter atractivo durante varios meses, polo que hai que combinar plantas con diferentes épocas de floración. En principio parece difícil...despois tamén; require coñecer ben moitos tipos de plantas, e a demais ten moito mantemento pola dificultade de escardar entre as plantas e polo distinto manexo que ten cada unha delas.

14/12/12

Aprendizaxe e competencia

O ser humano ten disposición a aprender aquilo ao que lle atopa sentido ou lóxica, do mesmo xeito tende a rexeitar aquilo ao que non lle atopa sentido. Polo tanto a auténtica aprendizaxe é a aprendizaxe significativa (aprendizaxe con sentido). Calquera outra aprendizaxe será puramente mecánica, memorística, conxuntural: para aprobar un exame, etc. A aprendizaxe significativa é unha aprendizaxe relacional (*). O sentido o da a relación do novo coñecemento con: coñecementos anteriores, con situacións reais, coa propia experiencia, etc. (Juan E. León).

A competencia é un conxunto articulado e dinámico de coñecementos, habilidades, actitudes e valores que forman parte activa no desempeño responsable e eficaz dunha actividade dentro dun contexto determinado. Unha persoa é competente nunha actividade cando ten os coñecementos necesarios, sabe poñelos en práctica, esta disposta a facelo e acada un bo resultado nesa actividade. É unha combinación de 3 elementos:
  • As habilidades requiridas para realizar unha actividade: “saber facer.
  • O conxunto de coñecementos necesarios para o seu desenvolvemento: “saber”.
  • A actitude orientada a súa realización e a obtención dun resultado axeitado e eficiente: “querer facer” e “facelo ben e de xeito eficiente”.
(*) Ollo...unha aprendizaxe significativa é funcional, pero non ten porque ser necesariamente boa. De feito, as persoas no seu proceso educativo adquiren certas aprendizaxes significativas que non son útiles, cando non claramente negativas, para a obtención dun resultado eficiente e para a propia competencia personal.

11/12/12

Deitado frente ao mar

#recitandocelsoemilio
Acto colectivo de recitado do poema Deitado frente ao mar de Celso Emilio Ferreiro, co gallo do centenario do nacemento do poeta de Celanovés, unha das voces fundamentais da literatura galega e da poesía social en galego.

...Por si acaso falla a celebración colectiva no centro (magosto, u-la xente?), Zona_Xardín válese da espléndida versión musicada do poema polos rapeiros Dios ke te crew, dende Ordes para o mundo.

Deitado frente ao mar - Dios ke te crew / celso emilio & garcia mc 

Bonus track: magnífica reinterpretación audiovisual do devandito poema elaborada polo alumnado do IES As Barxas (Moaña)

05/12/12

Xardíns pequenos. Consellos de deseño.

Espazos pequenos non significa menos traballo de deseño; menos espazo significa máis atención ao detalle e, sobre todo, resistir a tentación de engadir demasiada variedade. O obxectivo é que os xardíns pequenos parezan máis grandes e interesantes.

  • Os xardíns pequenos son, en xeral, unha “caixa” pechada por muros rectilíneos. Un deseño demasiado lineal pode potenciar este efecto. O uso das curvas engade movemento e fluxo o que contribúe a dar amplitude.
  • Outra boa solución é crear diferentes niveis. Distintos socalcos dan a sensación de maior espazo. Macetas e xardineiras de diferentes tamaños serán habituais nun xardín pequeno.
  • Suprime os camiños; se non, crea só os esenciais. A miúdo, vense pasos innecesarios en todas as direccións. Si é interesante, dispoñer de algunha zona dura (áridos, pavimento ou tarima) para situar o mobiliario.
  • Preferentemente dispón as plantacións de forma perimetral, liberando a zona central. Tamén aporta interese dispoñer pérgolas ou valados para dividir ou ocultar zonas, e engadir movemento e fluxo.
  • Manter as cousas en proporción é importante, sen embargo, unha falsa idea é que se deben empregar plantas pequenas en espazos pequenos. Ollo, outra cousa é, empregar grandes arbustos ou árbores que logo temos que estar constantemente podando para controlalos (as árbores, preferentemente de folla caduca, para que entre o sol invernal).
  • Non recargues o xardín, por favor; é preferible empregar pouca variedade de plantas (e de materiais constructivos) e crear repeticións. Polo tanto, a maior parte das especies que elixas, deben ser atractivas ao longo de todo o ano. Do mesmo xeito, decántate por 2 ó 3 cores máximo, preferentemente cores suaves.
  • Aproveita os muros e valados para plantar trepadoras, así evitas que a paisaxe teña límites definidos, pero tendo coidado de non elixir especies que ensanchen moito porque cómense o xardín. De todos os xeitos, trata, si é posible, de apropiarte da paisaxe adxacente, para dar un efecto de continuidade e amplitude.
...como se soe dicir: son todos os que están, pero non están todos os que son. Cos consellos, como pasa nos xardíns pequenos, non hai que recargar.

Enlaces:
artículos.infojardín/jardín pequeño
bricolajeydecoración/jardines pequeños

04/12/12

Proposta axardinamento

Fotomontaxe (*) da proposta de axardinamento da zona superior do muro de contención e lateral da baixada aos carballos.

Plano en planta da distribución das especies propostas.
 

Elixíronse especies de porte baixo para a zona superior, solleira e con vistas, buscando o contraste de cores. A lavanda está disposta en curva, para romper a linearidade da zona, aparentando máis amplitude e simular un balcón aberto a paisaxe. Esta curva define o deseño e o resto das especies organízanse de xeito concéntrico. Na baixada, máis sombría, escolléronse especies de portes escalonados buscando o contraste de texturas e formas libres e talladas, e a integración no bosquete.

(*) A fotomontaxe é o proceso, e tamén o resultado, de facer unha imaxe composta de outras, trátase dunha especie de collage. Esta composición pode realizarse mediante recortes doutras ilustracións xuntando un certo número de elas. Esta técnica pode ser de utilidade para dar un aspecto fotorealista a os nosos deseños. Pódese executar ao xeito tradicional (fisicamente) ou empregando aplicacións informáticas (virtualmente).

03/12/12

Axardinamento zona marxinal_1ªFase

Algunhas fotos dos traballos previos ao axardinamento dunha zona marxinal; con instalación de borduras, aporte de terras, canalización das augas de escorrentía e acondicionamento de camiños.

27/11/12

EPIs



Un equipo de protección individual (EPI) é "calquera equipo destinado a ser levado o suxeitado polo traballador para que lle protexa dun o varios riscos, que poidan ameazar a súa seguridade ou saude no traballo..."
É fundamental destacar que dende o ámbito preventivo e legal a estes equipos outorgaselles un carácter de derradeira protección,... "deberán empregarse cando os riscos non poidan evitarse ou limitarse suficientemente por medios técnicos de protección colectiva ou mediante medidas, métodos ou procedementos de organización do traballo", polo que constitúen o recurso final da cadea preventiva.

Enlace: INSHT Portal EPI
Proba de agudeza visual: Que EPI lle falta a compañeira?
E ao compañeiro da radial?

26/11/12

Amoladoras angulares

As amoladoras angulares ou radiais son máquinas portátiles que se empregan para cortar, desbastar e pulir, especialmente nos traballos de mampostería e metal.

Cortes e golpes, contactos eléctricos, danos provocados polo ruído e as vibracións ou pola inhalación de polvo son algúns dos riscos que con leva o uso dunha amoladora. Ollo!! esta é unha das ferramentas máis perigosas, si non se utiliza de maneira axeitada. O disco xira moi rápido e con moita forza, e si o dobramos lixeiramente durante o corte, daranos un bo lategazo, podendo incluso chegar a rachar (o disco) e saír os restos despedidos como proxectís.
Unha boa práctica é evitar que o disco penetre profundamente no material a cortar. E, por suposto, sempre empregaremos un disco do tamaño axeitado (NUNCA maior do tamaño máximo que admita a máquina) e XAMAIS empregaremos a amoladora sen a carcasa protectora do disco; encargada de evitar que as chispas e partículas nos vaian a cara, e tamén nos protexerá no caso que rompese o disco.
Manejo Seguro Amoladora-radial

Enlaces:
NTP 281: Amoladoras angulares. Nota técnica de prevención do INSHT
Ficha prevención riscos_Amoladora. Junta Extremadura
Amoladoras
Tipos de discos para amoladoras
Catálogo discos

21/11/12

Muro de contención

As veces, as cousas tórcense, e nesta ocasión literalmente así foi. O encofrado abríusenos e pandeou coa presión do formigón (*). A cousa pintaba mal, pero tomamos a decisión correcta...retirar o formigón, refacer (correctamente) o encofrado, e volver a verter o formigón. Todo nun tempo record e con final feliz. Nora boa rapaces/as.


Para aprender dos erros, sobre a foto do muro debuxei a disposición correcta do encofrado.
(*) Ollo co peso do formigón que é de 2,4 Toneladas/m3
Hoxe en día, na maioría das obras con formigón, utilízanse sistemas de encofrados modulares (hai distintas patentes).
---
A utilidade dos muros de contención é reter as terras, non persoas nin ideas.

Pink Floyd - Another brick on the wall

Proporción Aúrea



Coñecida dende vello, a proporción áurea (φ) ou divina proporción, atópase en algunhas estruturas xeométricas da natureza. Atribúeselle un carácter estético aos obxectos cuxas medidas gardan esta proporción. Algúns incluso creen que posúe una importancia mística.
Ollo! as tarxetas de crédito tamén forman un rectángulo áureo. Será para que gastemos máis? Condeados banqueiros!!!

Pink Floyd - Money

20/11/12

Supercafrada

Sebe de thuyas con microalcorque integrado en planchada de formigón. Difícil de superar.

16/11/12

Levantamento planimétrico

A planimetría é a parte da topografía que estuda o conxunto de métodos e procedementos para representar a escala todos os detalles interesantes do terreo sobre unha superficie plana, prescindindo do seu relevo. Realizar un levantamento planimétrico é, polo tanto, facer un plano do terreo en planta a escala. Para elo valémonos, basicamente, da triangulación.

A triangulación, en xeometría, é o uso da trigonometría para determinar posicións de puntos, medidas de distancias ou áreas de figuras. A triangulación de superficies é un método de obter áreas de figuras poligonais, normalmente irregulares (a maioría dos xardíns o son), mediante a súa descomposición en formas triangulares. Loxicamente, a suma das áreas dos triángulos da como resultado a área total.


A área dun triángulo calcúlase mediante a seguinte ecuación:

A =\frac{b\cdot h}{2}
sendo S  a superficie, b  a base ou lonxitude de calquera dos lados do triángulo (hai que elixir un) e h a distancia perpendicular entre a base e o vértice oposto a dita base. Outra maneira de medir a área dun triangulo, moi útil cando se coñece a lonxitude de todos os seus lados (caso das medicións por triangulación que facemos nos xardíns), é pola Fórmula de Herón:



A = \sqrt{s(s-a)(s-b)(s-c)}

onde a,b,c son valores das lonxitudes dos seus lados, e s é o semiperímetro do triángulo: s = 1/2 (a+b+c). Pode parecer un cálculo complicado, pero si o facemos mediante unha folla de cálculo só temos que introducir as lonxitudes dos lados e rapidamente obtemos a superficie.

Resumindo: 
Como facemos o levantamento dun plano de superficie (planimetría) dunha parcela mediante triangulación?

Traballo de campo
Facer un croquis (debuxo a man alzada) da parcela o máis aproximado a realidade posible. Dividir o croquis en triángulos (debuxalos) e apuntar tódalas medicións (tomadas da parcela con cinta métrica) dos lados deses triángulos.
Necesitamos: Soporte para debuxar, papel, lapis, goma borrar, e cinta métrica.


Traballo de aula
Baseándonos nas medicións apuntadas no croquis; debuxamos un plano a escala, construíndo todos os triángulos nos que dividimos a parcela.
Necesitamos: Papel, lapis, goma borrar, escalímetro, compás, escuadra e cartabón.






Procedemento para construír os triángulos no plano:


Resultado: Plano en planta a escala.



...e unha vez que dispoñemos do noso plano en planta a escala da parcela; xa podemos comezar o proceso de deseño do futuro axardinamento.

15/11/12

Debuxo en planta

O sistema diédrico é un método de representación xeométrico dos elementos do espazo tridimensional sobre un plano, é dicir, a redución das tres dimensións do espazo ás dúas dimensións do plano, empregando a proxección ortogonal sobre dous planos que se cortan perpendicularmente. Para xerar as vistas diédricas, uno dos planos abatese sobre o outro.

Este método consiste en obter a imaxe dun obxecto (en planta e alzado), mediante a proxección de feixes perpendiculares a dous planos principais de proxección, horizontal (PH) e vertical (PV). O obxecto queda representado pola súa vista superior -PLANTA- (proxección no plano horizontal) e a súa vista frontal -ALZADO- (proxección no plano vertical); tamén pódese representar a súa vista lateral, como proxección auxiliar -ALZADO LATERAL-.


Un plano en planta dun xardín amosa unha vista dende arriba, tal e como se vería ao sobrevoalo, pero sen distorsións de perspectiva. Acompañando ás plantas (ou seccións horizontais), empréganse tamén planos de sección vertical, denominados secciones ou planos de sección. No caso das construcións ou edificacións, tamén se empregan planos de alzado, que amosan o seu aspecto exterior (sen seccionalas).

Todos este planos represéntanse a ESCALA. As máis empregadas son; en xardíns pequenos; 1:50, 1:100, 1:200, e no caso de parques ou zonas verdes grandes: 1:300 e 1:500.

14/11/12

Novos tempos, tempos salvaxes

Ilegales - Tiempos nuevos tiempos salvajes
Himno dos 80 de plena actualidade.

12/11/12

And the winners are...

...the students: Jorge Magariños Alende e Sergio Lizarza Moreno. Gañadores da medalla de ouro no GraxaSkillsCampionship, e polo tanto; representantes galegos na 34 Olimpiada Spainskills Madrid 2013 no Skill de Xardinaría Paisaxística.

Aupa esa selección Galega!!

09/11/12

Debuxo de perspectivas


A perspectiva (do latín, perspectiva, visión a traveso de) é a arte de debuxar para recrear a profundidade e a posición relativa dos obxectos. Nun debuxo, a perspectiva simula a profundidade e os efectos de redución (ilusión visual..ver http://www.julianbeever.net/).
Por analoxía, tamén chámase perspectiva ao conxunto de circunstancias que rodean ao observador, e que inflúen na súa percepción o no seu xuízo.

TIPOS DE PERSPECTIVAS
Perspectiva AXONOMÉTRICA: é un sistema de representación gráfica, consistente en representar volumes nun plano, mediante proxección paralela o cilíndrica, referida a tres eixes ortogonais, de tal forma que conserven as súas proporciones en cada una das tres direccións do espazo: altura, anchura e lonxitude.A perspectiva axonométrica cumpre dúas propiedades importantes que a distinguen da perspectiva cónica:  
- A escala do obxecto representado non depende da súa distancia ao observador. 
- Dúas liñas paralelas na realidade son tamén paralelas en súa representación axonométrica. 
Como tipos de perspectiva axonométrica temos a:

- ISOMÉTRICA: na que os tres eixes ortogonais (X, Y, Z), ao proxectarse, forman ángulos de 120º, e as dimensións paralelas a ditos eixes mídense nunha mesma escala. (isométrico provén do grego "igual medida", xa que a escala de medición é a mesma nos tres eixes).

A proxección isométrica é moi empregada en debuxo industrial xa que ten a vantaxe de permitir a representación a escala, e pola contra, é pouco empregada en debuxo arquitectónico e en paisaxismo porque ten a desvantaxe de non reflectir a diminución aparente do tamaño, proporcional a distancia, que percibe o ollo humano.

- CABALLERA: neste caso os eixes X e Z forman un ángulo de 90º, y el eixo Y soe ter 135º respecto ambos. Das tres dimensións do volume a representar, dúas proxéctanse na súa verdadeira magnitude (o alto e o ancho) e a terceira (a profundidade) cun coeficiente de redución. As dúas dimensións sen distorsión angular teñen as súas lonxitudes a escala (X e Z), mentres que a dimensión que reflicte a profundidade (Y) redúcese nunha proporción determinada (1/2, 2/3 ou 3/4 soen ser os coeficientes de redución máis habituais).
A proxección caballera é mais “realista” que a isométrica o que a fai máis axeitada para representar vistas arquitectónicas ou paisaxistas.

Perspectiva CÓNICA: é un sistema de representación gráfica baseado na proxección dun corpo tridimensional sobre un plano auxiliándose en rectas proxectantes que pasan por un punto. O resultado aproxímase a visión obtida polo ollo humano dende ese punto.
Dentro desta tamén temos varias variantes: frontal, oblicua, aérea
É a máis complexa de representar graficamente, pero unha das máis empregadas en arquitectura, paisaxismo e interiorismo, xa que é a que máis se aproxima a visión real. Como desvantaxe non mantén a escala dos obxectos representados polo que non serve para tomar medicións.

Enlaces:
Todacultura Coñecementos básicos de perspectiva.
DRAW & SKETCH Leccións de debuxo en perspectiva.
Perspectivegrid Debuxo en perspectiva para deseñadores de xardíns.