22/12/12

Felices festas


...e felíz aninovo xardineiros/as
 
pero ollo co lado escuro dos recortes!!!
Advertencia sanitaria: Se picas na enlace podes entrar en coma diabético. Só apto para oitenteros fanáticos do Nadal.

21/12/12

F(L)ORGES(TERIA)

Tagetes
Melaleuca
Melametes???
O traballo cara ao público ten estas cousas

Aterciopelados - Florecita rockera


20/12/12

Máis vocabulario básico: parterres, borduras...


O seguintes termos forman parte do vocabulario técnico básico de calquera xardineiro:

Parterre: Parterre
A verba "parterre" ven do francés, co significado de "na terra". Un parterre é un deseño de xardín formal, a nivel do chan (de pouca altura) composto por planta de flor, aromáticas ou hortícolas, delimitadas por borduras de plantas perennes (sebe baixa), e camiños ou sendeiros de grava, xeralmente simétricos.

Bordura: Edge or bordure
Plantación moi estreita e alongada. As borduras empréganse para delimitar parterres, camiños e/ou escaleiras.

Arriate: Border
Un arriate é unha plantación alongada (máis ancha que unha bordura) disposta diante dun muro, valado, casa, bosquete, etc. Esta plantación ten un telón de fondo, e polo tanto resulta "visible" nun determinado sentido. Transversalmente as especies dispóñense de xeito escalonado; as especies de menor tamaño diante e as de maior ao fondo.

Macizo: Island bed, flowerbed or garden bed
Un macizo é unha plantación redondeada, unha illa no xardín. Este caracter insular significa que ten varios puntos de vista, podemos rodealo; polo tanto ten que ser atractivo dende todos os ángulos. Admiten tanto planta de flor como arbustos.

Rocalla: Rockery
Unha rocalla é unha composición rústica de rochas e plantas alpinas, arbustos baixos e coníferas ananas. O ideal é aproveitar un ribazo ou pendente ben drenada e soleada, aínda que tamén pódese facer un montículo artificial (recurso empregado abusivamente).

Sebe: Hedge
Unha sebe é unha plantación lineal de arbustos ou árbores coa finalidade de formar unha linde ou barreira. Moi empregados nos lindes do xardín para separar e ocultarse dos veciños.

19/12/12

Mixed Border

Un mixed border  é unha plantación alongada que mestura arbustos, roseiras, vivaces e anuais, o que eiquí coñecemos coma un arriate mixto (ou mal chamada bordura mixta). En xeral plántase diante dun muro, valado ou sebe que lle fai de fondo. A mixed border é a forma actual de deseñar os arriates (polo menos no mundo saxón), posto que require menos mantemento que a tradicional arriate de vivaces (perennial border), que emprega só plantas vivaces; presenta un gran colorido no vrao pero carece de interese o resto do ano (que é moito).
Esta técnica xurdiu co movemento Arts and Crafts que frente á rixidez e artificiosidade dos abigarrados arriates florais victorianos avogaba por unha plantación mais sinxela e natural. Desenvolto posteriormente por Gertrude Jeckyll e Vita Sackville West, e ao longo do século XX.

Resumindo é un arriate no que se mesturan distintas especies de plantas de flor formando unha composición compacta, na que é moi importante a combinación de cores e texturas, e na que sitúanse as plantas por orde de tamaño, da máis baixa a máis alta para favorecer a visibilidade do conxunto. Suponse que é algo que ten que ter atractivo durante varios meses, polo que hai que combinar plantas con diferentes épocas de floración. En principio parece difícil...despois tamén; require coñecer ben moitos tipos de plantas, e a demais ten moito mantemento pola dificultade de escardar entre as plantas e polo distinto manexo que ten cada unha delas.

14/12/12

Aprendizaxe e competencia

O ser humano ten disposición a aprender aquilo ao que lle atopa sentido ou lóxica, do mesmo xeito tende a rexeitar aquilo ao que non lle atopa sentido. Polo tanto a auténtica aprendizaxe é a aprendizaxe significativa (aprendizaxe con sentido). Calquera outra aprendizaxe será puramente mecánica, memorística, conxuntural: para aprobar un exame, etc. A aprendizaxe significativa é unha aprendizaxe relacional (*). O sentido o da a relación do novo coñecemento con: coñecementos anteriores, con situacións reais, coa propia experiencia, etc. (Juan E. León).

A competencia é un conxunto articulado e dinámico de coñecementos, habilidades, actitudes e valores que forman parte activa no desempeño responsable e eficaz dunha actividade dentro dun contexto determinado. Unha persoa é competente nunha actividade cando ten os coñecementos necesarios, sabe poñelos en práctica, esta disposta a facelo e acada un bo resultado nesa actividade. É unha combinación de 3 elementos:
  • As habilidades requiridas para realizar unha actividade: “saber facer.
  • O conxunto de coñecementos necesarios para o seu desenvolvemento: “saber”.
  • A actitude orientada a súa realización e a obtención dun resultado axeitado e eficiente: “querer facer” e “facelo ben e de xeito eficiente”.
(*) Ollo...unha aprendizaxe significativa é funcional, pero non ten porque ser necesariamente boa. De feito, as persoas no seu proceso educativo adquiren certas aprendizaxes significativas que non son útiles, cando non claramente negativas, para a obtención dun resultado eficiente e para a propia competencia personal.

11/12/12

Deitado frente ao mar

#recitandocelsoemilio
Acto colectivo de recitado do poema Deitado frente ao mar de Celso Emilio Ferreiro, co gallo do centenario do nacemento do poeta de Celanovés, unha das voces fundamentais da literatura galega e da poesía social en galego.

...Por si acaso falla a celebración colectiva no centro (magosto, u-la xente?), Zona_Xardín válese da espléndida versión musicada do poema polos rapeiros Dios ke te crew, dende Ordes para o mundo.

Deitado frente ao mar - Dios ke te crew / celso emilio & garcia mc 

Bonus track: magnífica reinterpretación audiovisual do devandito poema elaborada polo alumnado do IES As Barxas (Moaña)

05/12/12

Xardíns pequenos. Consellos de deseño.

Espazos pequenos non significa menos traballo de deseño; menos espazo significa máis atención ao detalle e, sobre todo, resistir a tentación de engadir demasiada variedade. O obxectivo é que os xardíns pequenos parezan máis grandes e interesantes.

  • Os xardíns pequenos son, en xeral, unha “caixa” pechada por muros rectilíneos. Un deseño demasiado lineal pode potenciar este efecto. O uso das curvas engade movemento e fluxo o que contribúe a dar amplitude.
  • Outra boa solución é crear diferentes niveis. Distintos socalcos dan a sensación de maior espazo. Macetas e xardineiras de diferentes tamaños serán habituais nun xardín pequeno.
  • Suprime os camiños; se non, crea só os esenciais. A miúdo, vense pasos innecesarios en todas as direccións. Si é interesante, dispoñer de algunha zona dura (áridos, pavimento ou tarima) para situar o mobiliario.
  • Preferentemente dispón as plantacións de forma perimetral, liberando a zona central. Tamén aporta interese dispoñer pérgolas ou valados para dividir ou ocultar zonas, e engadir movemento e fluxo.
  • Manter as cousas en proporción é importante, sen embargo, unha falsa idea é que se deben empregar plantas pequenas en espazos pequenos. Ollo, outra cousa é, empregar grandes arbustos ou árbores que logo temos que estar constantemente podando para controlalos (as árbores, preferentemente de folla caduca, para que entre o sol invernal).
  • Non recargues o xardín, por favor; é preferible empregar pouca variedade de plantas (e de materiais constructivos) e crear repeticións. Polo tanto, a maior parte das especies que elixas, deben ser atractivas ao longo de todo o ano. Do mesmo xeito, decántate por 2 ó 3 cores máximo, preferentemente cores suaves.
  • Aproveita os muros e valados para plantar trepadoras, así evitas que a paisaxe teña límites definidos, pero tendo coidado de non elixir especies que ensanchen moito porque cómense o xardín. De todos os xeitos, trata, si é posible, de apropiarte da paisaxe adxacente, para dar un efecto de continuidade e amplitude.
...como se soe dicir: son todos os que están, pero non están todos os que son. Cos consellos, como pasa nos xardíns pequenos, non hai que recargar.

Enlaces:
artículos.infojardín/jardín pequeño
bricolajeydecoración/jardines pequeños

04/12/12

Proposta axardinamento

Fotomontaxe (*) da proposta de axardinamento da zona superior do muro de contención e lateral da baixada aos carballos.

Plano en planta da distribución das especies propostas.
 

Elixíronse especies de porte baixo para a zona superior, solleira e con vistas, buscando o contraste de cores. A lavanda está disposta en curva, para romper a linearidade da zona, aparentando máis amplitude e simular un balcón aberto a paisaxe. Esta curva define o deseño e o resto das especies organízanse de xeito concéntrico. Na baixada, máis sombría, escolléronse especies de portes escalonados buscando o contraste de texturas e formas libres e talladas, e a integración no bosquete.

(*) A fotomontaxe é o proceso, e tamén o resultado, de facer unha imaxe composta de outras, trátase dunha especie de collage. Esta composición pode realizarse mediante recortes doutras ilustracións xuntando un certo número de elas. Esta técnica pode ser de utilidade para dar un aspecto fotorealista a os nosos deseños. Pódese executar ao xeito tradicional (fisicamente) ou empregando aplicacións informáticas (virtualmente).

03/12/12

Axardinamento zona marxinal_1ªFase

Algunhas fotos dos traballos previos ao axardinamento dunha zona marxinal; con instalación de borduras, aporte de terras, canalización das augas de escorrentía e acondicionamento de camiños.