05/12/12

Xardíns pequenos. Consellos de deseño.

Espazos pequenos non significa menos traballo de deseño; menos espazo significa máis atención ao detalle e, sobre todo, resistir a tentación de engadir demasiada variedade. O obxectivo é que os xardíns pequenos parezan máis grandes e interesantes.

  • Os xardíns pequenos son, en xeral, unha “caixa” pechada por muros rectilíneos. Un deseño demasiado lineal pode potenciar este efecto. O uso das curvas engade movemento e fluxo o que contribúe a dar amplitude.
  • Outra boa solución é crear diferentes niveis. Distintos socalcos dan a sensación de maior espazo. Macetas e xardineiras de diferentes tamaños serán habituais nun xardín pequeno.
  • Suprime os camiños; se non, crea só os esenciais. A miúdo, vense pasos innecesarios en todas as direccións. Si é interesante, dispoñer de algunha zona dura (áridos, pavimento ou tarima) para situar o mobiliario.
  • Preferentemente dispón as plantacións de forma perimetral, liberando a zona central. Tamén aporta interese dispoñer pérgolas ou valados para dividir ou ocultar zonas, e engadir movemento e fluxo.
  • Manter as cousas en proporción é importante, sen embargo, unha falsa idea é que se deben empregar plantas pequenas en espazos pequenos. Ollo, outra cousa é, empregar grandes arbustos ou árbores que logo temos que estar constantemente podando para controlalos (as árbores, preferentemente de folla caduca, para que entre o sol invernal).
  • Non recargues o xardín, por favor; é preferible empregar pouca variedade de plantas (e de materiais constructivos) e crear repeticións. Polo tanto, a maior parte das especies que elixas, deben ser atractivas ao longo de todo o ano. Do mesmo xeito, decántate por 2 ó 3 cores máximo, preferentemente cores suaves.
  • Aproveita os muros e valados para plantar trepadoras, así evitas que a paisaxe teña límites definidos, pero tendo coidado de non elixir especies que ensanchen moito porque cómense o xardín. De todos os xeitos, trata, si é posible, de apropiarte da paisaxe adxacente, para dar un efecto de continuidade e amplitude.
...como se soe dicir: son todos os que están, pero non están todos os que son. Cos consellos, como pasa nos xardíns pequenos, non hai que recargar.

Enlaces:
artículos.infojardín/jardín pequeño
bricolajeydecoración/jardines pequeños

Ningún comentario:

Publicar un comentario